Aberto o prazo para inscribirse na Ludoteca de verán “ Convive en Igualdade” e no Campamento urbano “Támega” - 2020 Imprimir
Martes, 16 Xuño 2020 13:25

O vindeiro  xoves 18 de xuño ábrese o prazo de inscrición da Ludoteca de verán “Convive en Igualdade” e do Campamento urbano “Támega” para o ano 2020, iniciativas organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín. Este ano, regresan as actividades con importantes  novidades orientadas a manter a seguridade dos seus usuarios e cos firmes obxectivos de axudar aos veciños a conciliar a súa vida laboral e familiar, así como de promover a igualdade entre todas as persoas.

Segundo indicou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, «somos conscientes de que a problemática derivada de crise sanitaria do  Covid-19 dificulta aínda máis a conciliación familiar á hora de compaxinar o coidado dos fillos e o traballo, por iso -desde o  Concello- decidimos reabrir este importante servizo, sempre -por suposto- garantíndolles que se están seguindo estritamente os protocolos e medidas de seguridade en todo momento».

Por outra banda, a  concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez, destacou que «este ano hai unha nova liña de actuación que, baixo o nome de “Ludoteca, convive en Igualdade”, busca reducir a desigualdade causada por motivos como o sexo, idade, discapacidade, raza, etnia ou relixión, de maneira que ninguén quede atrás». Esta iniciativa esta enmarcada na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible impulsada polas Nacións Unidas e cuxos obxectivos son alcanzar a igualdade entre as persoas, protexer o planeta e asegurar a prosperidade.

Este servizo, que busca cubrir o tempo vacacional dos nenos e nenas, comezará o 1 de xullo e finalizará o día hábil anterior o comezo do curso escolar 2020/2021, que se prevé sexa o 10 de setembro; de luns a venres, con variedade de horarios, con distribución por idades e contratación de persoal cualificado fomentando o emprego xuvenil - nove monitora/es de tempo de lecer, ademais doce  monitores de voluntariado xuvenil e contamos co persoal en prácticas.

Entre as novidades referentes á seguridade podemos destacar as seguintes medidas:

-       Ampliación de horario para pais e nais  que o necesiten por motivos de traballo,  de 7:45 a 14:45 horas.

-       Grupos de nove nenos e nenas e un monitor que, por seguridade, nunca se xuntarán co resto dos grupos. 

-       Realización dos servizos con todas as medidas de seguridade recomendadas inclusive medición de temperatura ao inicio da actividade tanto persoal técnico coma os menores ( a estes en plan lúdico).

-       Non poderán participar nestas actividades as persoas que se atopen na seguinte situación, que será aplicable tanto para o equipo técnico das actividades (sexan contratados ou persoas voluntarias), así como para os nenos/as e mozos/as participantes:

  1. Se a persoa é diagnosticada positiva por COVID-19.
  2. Presenta calquera sintomatoloxía (tose, febre, dificultade ao respirar) que poida estar asociada co COVID-19 durante os 14 días previos á súa participación.
  3. Estivo en contacto estreito ou compartindo espazo sen gardar a distancia interpersoal con algunha persoa afectada por COVID-19 nos 14 días previos á súa participación.

Ao igual que estes pasados anos hai un abano de horarios e prezos

PREZOS E HORARIOS:

A Ludoteca de Verán – é un espazo destinado a menores, con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos, o Campamento Urbano destinado a menores de 11 a 14 anos  que se realizará nas instalacións dos CEIP Amaro Refoxo, Módulos, Colexio María Inmaculada e Princesa de España,  e nas dependencias municipais Pavillón da Granxa e Pavillón de Deportes. Este ano, como novidade utilizaranse outros espazos a maiores como poden ser as instalacións cedidas polo colexio María Inmaculada.

Para os menores de 3 a 10 anos algunhas das actividades que se desenrolarán son: animación á lectura e contacontos, piscina, novas tecnoloxías ou cine infantil, obradoiros medioambientais, de igualdade, serán algunhas das actividades nas que poderán participar os cativos/as.

Para os menores de 11 a 14 anos acampadas nocturnas, informática, rutas de sendeirismo, xogos olímpicos, xogos tradicionais, piscina, piragüismo, obradoiros de pintura, saídas ao río, skatepark, en bicicleta, ximcanas por Verín…

As solicitudes cubriranse na Oficina Municipal de Información  Xuvenil, na Casa da Xuventude (Avda. Portugal 11, 1ª planta - Porta 15), en horario de 8:30 a 14:00 horas. Preferencia para pais/nais que teñan que conciliar vida laboral e familiar e familias monoparentais  por orde de inscrición e pago ata cubrir  prazas.   Para máis información contactar no 988-414776.