Verín aproba un primeiro paquete de medidas fiscais para facer fronte a crisis provocada pola Covid- 19 Imprimir
Mércores, 27 Maio 2020 13:03

 A corporación municipal de Verín reuniuse hoxe na Casa da Cultura de Verín para celebrar a súa  segunda sesión plenaria adaptada ás novas medidas de prevención de contaxios pola Covid-19. No pleno aprobouse por unanimidade un primeiro paquete de medidas fiscais, en forma de supresión de pago de taxas, destinado a paliar os efectos económicos da pandemia sobre empresas e autónomos.

Este primeiro paquete de medidas de alivio fiscal está enfocado  a empresas e traballadoras e traballadores autónomos, os cales se verán exentos de pago durante o exercicio do ano 2020 das  seguintes taxas:

  • Terrazas: suspensión do cobro durante o exercicio 2020 da taxa pola Ocupación de Vía Pública con terrazas. Así como a devolución da taxa a quen xa a pagou no presente exercicio.
  • Recollida de Lixo: suspensión do cobro segundo trimestre do exercicio 2020 da taxa pola prestación do Servizo Público de Recollida de lixo e tratamento, reciclaxe e eliminación de residuos sólidos urbanos nos establecementos de restauración, autónomos e empresas afectados pola imposibilidade de apertura ó público durante o estado de alarma declarado polo goberno español.
  • Rótulos e toldos: suspensión do cobro durante o exercicio 2020 das seguintes taxas: polo aproveitamento do vuelo mediante toldos, da ocupación de vía pública mediante portadas, escaparates e vitrinas e da ocupación de vía pública mediante rótulos e letreiros.

Segundo explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Diego Lourenzo Moura, «o  Concello de Verín  suspende o pago destas taxas  coa  finalidade de mitigar,  na medida  do posible, as dificultades económicas provocadas pola crise sanitaria e favorecer a reactivación económica da vila. Estas medidas, finalizou Lourenzo, «supoñeranlle un aforro total anual de 77.200,98 euros ao sector empresarial local».

Dentro da orde do día da sesión plenaria tamén foi aprobada -por 10 votos (5 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 votos en contra do Partido Popular- a creación da dedicación parcial (75 % da  xornada)  do alcalde de Verín cunha retribución bruta anual de 40.694,22 euros, distribuída en doce pagas  mensuais e  dúas extraordinarias ( xuño e  decembro), de igual contía (2.906,73€).

Por último, aprobouse tamén -por 10 votos (5 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 votos en contra do Partido Popular- unha operación de crédito a  curto  prazo para financiar o plan de investimento municipal de 2020; así como a adxudicación da operación de tesourería 1/2020 -por 10 votos (5 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 abstencións do Partido Popular.