Grumir e Protección Civil de Verín visitaron a máis de medio centenar de nenos e nenas para felicitarlle o cumpreanos Imprimir
Xoves, 21 Maio 2020 11:51

Desde que se decretou o estado de alarma provocado pola COVID-19, os operarios do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) e os voluntarios da Agrupación de Protección Civil do Concello de Verín visitaron a máis de medio centenar de nenos e nenas para felicitalos polos seus cumpreanos.

A iniciativa púxose en marcha  para  facer máis levadío o illamento dos máis pequenos da casa (dos 3 aos 10 anos) durante a fase máis dura do confinamento, e  finalizou co inicio da fase 1 da  desescalada, que xa permite a saída dos menores.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quixo agradecer publicamente o gran traballo que están a realizar durante o estado de alarma estes voluntarios e traballadores municipais quen, «ademais desta iniciativa solidaria están desde o primeiro día do confinamento axudando a quen máis o necesitan cos servizos de aprovisionamento de alimentos e medicinas e de reparto de material escolar;  e velando pola seguridade de todos os nosos veciños, mantendo as rúas da nosa vila limpas e desinfectadas».