A American Library Association selecciona o proxecto da Biblioteca de Verín coma unha das mellores prácticas bibliotecarias do mundo. Imprimir
Mércores, 13 Maio 2020 00:00

Novamente a Biblioteca de Verín, co seu proxecto “Voluntariado Cultural para o fomento á lectura” é recoñecido poñendo á institución verinense no máis alto das prácticas bibliotecarias. Desta banda foi a American Library Association, a máis antiga e importante do mundo, que este ano 2020 buscaba destacar o valor das bibliotecas na promoción da xustiza social e a inclusión, seleccionou 36 proxectos de todo o mundo.

A doutora Grace Yan Liu, Copresidente do Comité de Conexións Internacionais do IRRT -pertencente á Asociación Americana de Bibliotecas-  notificoulle á Biblioteca de Verín a súa selección, así coma a exposición pública proxecto no Congreso Internacional de Chicago (Illinois – Estados Unidos) que íase celebrar do 25 ao 30 de xuño, e que anualmente congrega máis dun millón de persoas. Estaba previsto que a Biblioteca de Verín estivera presente en devandito evento, que por mor da pandemia provocada pola COVID-19 foi suspendido e realizarase de xeito virtual, coa exposición dunha fotografía de gran formato (2x2 metros) xunto con unha explicación do proxecto.

Segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, «Esta nominación é una nova proba de que Verín é o verdadeiro peso pesado da cultura do sur de Galicia. No centenario da Xeración Nós, o que queda claro é que o motor cultural da provincia de Ourense desprazouse para o sur».

«Como xa estamos afeitos, a nosa Biblioteca Municipal obséquianos cun novo e importantísimo recoñecemento ao gran labor desempeñado durante estes últimos anos polos seus profesionais. Desde o Concello de Verín reiteramos o noso compromiso coa cultura en todos os seus ámbitos, xa que un pobo que lé é un pobo con futuro», salientou a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza.

Entre as Bibliotecas seleccionadas este ano coma mellores prácticas do mundo, atópanse entre outras entidades da importancia coma Ferguson Library, (Stamford), State Library of Queensland, (Australia), Helsinki Central Library Oodi, (Helsinki, Finland), West Vancouver Memorial Library, (British Columbia, Canada), Zentral- und Landesbibliothek Berlin, (Alemania), Charles Evans Inniss Memorial Library University of New York (Brooklyn, New York), University of Victoria Libraries, (Canada), e nove proxectos españois incluído o da nosa Biblioteca, sendo a única de entidade municipal e menor tamaño e capacidade.

Pódese ver a descrición dos proxectos dentro da exposición virtual que está a crear a Asociación Americana na seguinte url: https://2020.alavirtualevent.org

Todos os proxectos están na seguinte url provisional:

https://sites.google.com/view/icc-programs/2020-photo-gallery