Verín retoma o vindeiro luns os mercados ao aire libre de produtos agrícolas e de alimentación Imprimir
Sábado, 09 Maio 2020 00:00

 O vindeiro luns 11 de maio, o Concello de Verín acollerá no parque da Alameda o seu primeiro mercado ao aire libre desde a entrada en vigor do actual estado de alarma. De acordo coa normativa exposta pola consellería do Medio Rural, o mercado será só de produtos agrícolas e de alimentación.

 Segundo confirmou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, os postos estarán separados por unha distancia de 6 metros, o que facilitará aos usuarios e usuarias do mercado respectar a distancia mínima de separación de 2 metros entre cada persoa. Do mesmo xeito, dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras  deberán gardar entre si unha distancia  mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venta.

 A Policía Local será a responsable de vixiar que se respecte a distancia mínima persoal, evitando calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda. Tamén serán os encargados de regular o acceso ao mercado para evitar as aglomeracións.