Unha nave espacial que abduce Verín e os seus edificios máis representativos, idea creativa arredor da que se asenta o cartel ilustrador do FIC Vía XIV 2020 Imprimir
Xoves, 30 Abril 2020 00:00

A deseñadora Olalla Diéguez Boo é a autora do cartel ilustrador da quinta edición do FIC Vía XIV de Verín, que se celebrará na vila do Támega entre o 5 e o 13 de setembro deste ano. A idea creativa arredor da que se asenta o cartel toma coma eixo temático a ciencia-ficción. Así, a autora presenta unha nave espacial que abduce algúns dos edificios máis representativos de Verín, perfectamente recoñecibles no deseño, coma metáfora do poder da sétima arte, que envolve a vila durante os días que dura o certame.



Segundo a autora do cartel ilustrador, “calquera deseño debe contar unha historia e calquera historia debe ter un protagonista”. Neste sentido, remarca que “eu tiña claro que quería dar protagonismo á vila de Verín”. É por iso que representou no cartel algúns dos edificios máis emblemáticos da localidade como é o caso da casa reitoral.

Normalidade nos preparativos

En canto á organización dos preparativos da quinta edición do certame, o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, destaca que “en principio, estanse a efectuar con relativa normalidade”. A Asociación Cultural Vía XIV traballa pensando que en setembro vai ser posible realizar ofestival e, en todo caso, “calquera decisión final sobre a súa celebración nas datas inicialmente previstas quedaría supeditada a como evolucione a crise sanitaria provocada pola pandemia de coronavirus”.

Sobre a autora do cartel

Olalla Diéguez, nada en 1980, é natural de Matamá (Laza). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo (1999-2004), está especializada en audiovisual e deseño gráfico, ámbitos nos que desenvolve a súa actividade profesional como freelance. Xunto a isto, traballa de forma interina como grafista na Compañía de Radiotelevisión de Galicia. Non é a primeira vez que Diéguez pon a súa sinatura no deseño dun evento ligado á vila do Támega, pois foi autora do cartel do Entroido de Verín en tres ocasións diferentes.