A compañía Teatro do Atlántico representa en Verín a obra “Dúas donas que bailan” Imprimir
Venres, 28 Febreiro 2020 13:19

O vindeiro 7 de marzo, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación da obra “Dúas donas que bailan”, portagonizada por María Barcala e María Ángeles Iglesias baixo a dirección de Xulio Lago. As entradas, que xa están á venda en www.ataquilla.com, teñen un prezo de 7 euros.

En “Dúas donas que bailan” imos transitando polas duras paisaxes que conforman a sociedade contemporánea: a soidade na vellez, o desencontro xeracional, a especulación inmobiliaria, o Alzeimer, o suicidio, a violencia no fogar; a amizade; os soños da infancia….. Todo adobiado cun humor malvado; un humor que mestres como Benet i Jornet adoitan manexar doadamente.

Asuntos e emocións que van conformando a complexa paisaxe na que se desenvolve esta fascinante traxicomedia. E a tenrura invádenos.

Fio Argumental

Unha muller maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de tebeos da infancia, para a que só lle falta un exemplar, resístese a abandonar o esfarelado piso no que habita, malia as presións dos fillos, cos que non mantén moi boa relación, e tamén da axencia inmobiliaria propietaria do inmoble. Todos eles teñen outros plans para a vivenda. A filla, en tanto non consegue que a nai mude de actitude, contrata unha muller para que vaia facer os labores domésticos na casa dúas veces por semana.

A muller contratada é unha profesora de Lingua e Literatura, de mediana idade, obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo. O seu carácter contestatario non ten nada que envexar se o comparamos co da vella, outrora unha muller rebelde e activista. A presenza desta muller non é ben recibida, e cada xornada convértese nun inquietante e por veces cómico “toma e daca”, que vai evolucionando sorprendentemente a cada instante.