O CEIP Castrelo do Val, gañador do concurso do cartel ‘Desfile Infantil’ Imprimir
Luns, 07 Xaneiro 2013 11:40

A Delegación Municipal de Festexos do Concello de Verín promoveu, por sexto ano consecutivo, un concurso para seleccionar o cartel oficial do “Desfile Infantil”. Nesta edición participaron o  CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, Colexio María Inmaculada, CEIP Castrelo do Val, Colexio Rural Agrupado Monterrei e CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós. Cada un deles estivo representado por un máximo de tres traballos inéditos, orixinais e non premiados en ningún concurso anterior.


O xurado cualificador, composto por un representante de cada centro e por un membro designado polo Concello, escolleron tres carteis dos presentados - aos que lles outorgaron tres, dous e un punto-. Nesta ocasión o cartel participante que obtivo máis puntuación, e por cuarta vez na historia deste concurso, foi realizado polos/as alumnos/as de Infantil (3, 4 e 5 anos) do CEIP Castrelo do Val.

O premio consiste na edición do cartel seleccionado e na entrega dun vale de 300 euros para material deportivo e escolar -a adquirir en establecementos do Concello de Verín-.