Cabalgata e Concerto dos Reis en Verín Imprimir
Venres, 04 Xaneiro 2013 14:30

Na xornada de mañá, 5 de xaneiro, as rúas de Verín acollerán a tradicional Cabalgata dos Magos de Oriente, a partir das 17.30 horas.

Os reis Melchor, Gaspar e Baltasar saíran desde a Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luis Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirán a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán o alcalde infantil e os seus concelleiros, e se repartirán xoguetes entre os/as nenos/as do municipio.

Durante a cabalgata os Reis Magos irán acompañados non só dos paxes senón tamén de menores disfrazados de anxos, estrelas e pastores/as. Con anterioridade, ás 16 horas, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregarlle presentes ás persoas maiores residentes.

Tamén mañá finaliza a quinta edición de 'Ludonadal', unha ludoteca destinada a estas datas e dirixida a nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos, e organizada polo Concello de Verín e Aever (Asociación de Empresarios de Verín). E ademais, mañá remata a exposición 'Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia', que amosa misterios e representacións do Nadal de diversas culturas do mundo, así como coleccións de selos con temática natalicia na Casa do Escudo. Está organizada polo Colexio María Inmaculada, o Concello de Verín e a Asociación Filatélica, Vitolfílica e Numismática “Miño” de Ourense; coa colaboración da Delegación de Misións de Ourense, do Museo Municipal de Ourense, do Museo Arqueolóxico de Ourense e do Liceo Recreo Ourensán.

Por outra banda, o domingo 6 de xaneiro, a partir das 20 horas, a igrexa da Mercé de Verín acollerá o XIX Concerto de Reis, organizado pola Asociación Verinense de Amigos da Música. Durante o mesmo, no que colaboran a Comunidade Mercedaria e Concello de Verín, o Coral de Verín interpretará panxoliñas como Adeste Fideles, Ledicia no mundo, Nabuco, A mi niño tierno, Cántale, Noche de Paz, Belén, Himno ao amor ou Hai un pesebre en Verín. Todas as panxoliñas foron adaptadas e arranxadas para o Coral de Verín por Edelmiro Mateo.