Animación infantil nas rúas de Verín Imprimir
Xoves, 20 Decembro 2012 13:35

Dentro da programación de Nadal organizada polo Concello de Verín, Eurocidade Chaves-Verín e AEVER (Asociación de Empresarios de Verín), durante os tres vindeiros días terá lugar a campaña de animación infantil nas rúas da localidade.

A mesma iníciase mañá, de 16 a 19 horas. Terá lugar na praza do Concello e contará con obradoiros interactivos para menores, así como, globoflexia, malabar e maquillaxe infantil. Xa o sábado, durante a mañá e a tarde (de 11 a 13 e de 17 a 20 horas), o lugar elixido para desenvolver esta actividade será a praza da Merced, e na mesma se realizarán inchables e xogos populares como ra, chave, tres en raia xigante, carreira de sacos ou de zancos, entre outros. E o domingo, no mesmo horario que o sábado, a praza García Barbón acollerá obradoiros interactivos e deportivos para os/as nenos/as e inchables.

Esta iniciativa busca promocionar económicamente o comercio tradicional na localidade e proporcionar aos/ás nenos/as un espazo de lecer mentres os seus proxenitores realizan as súas compras de Nadal.

Ademais, ata o 5 de xaneiro a Casa do Escudo de Verín acolle a exposición 'Beléns do Mundo e Filatelia Natalicia', que amosa misterios e representacións do Nadal de diversas culturas do mundo, así como coleccións de selos con temática natalicia na Casa do Escudo. Está organizado polo Colexio María Inmaculada, o Concello de Verín e a Asociación Filatélica, Vitolfílica e Numismática “Miño” de Ourense; coa colaboración da Delegación de Misións de Ourense, do Museo Municipal de Ourense, do Museo Arqueolóxico de Ourense e do Liceo Recreo Ourensán. A mostra pódese visitar de luns a sábado, de 10 a 14 e de 16.30 a 20.30 horas.