O PCT Puertas de Galicia entrega os premios da I Olimpíada Gastronómica Imprimir
Xoves, 08 Novembro 2012 12:47

O salón de plenos do Concello de Verín acolleu, na xornada de hoxe, a entrega dos premios da  primeira edición da Olimpíada Gastronómica 'Puertas de Galicia', que se desenvolveu nos fines de semana do 15 de setembro ao 14 de outubro.


O concurso, no que resultaron vencedores Casa Manola, Restaurante Bruma e Bar Gandainas, contou coa participación de 16 establecementos das comarcas de Verín e Conso nas categorías de tapa, menús e cócteles, realizados con produtos autóctonos ou representativos das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras e cuns prezos de 3,50 € para a categoría de tapa -inclúe tapa e viño da Denominación de Orixe Monterrei-, 18 euros no caso do menú -conformado por entrante, prato principal, sobremesa e bodega, con recomendación da  D.O. Monterrei-, e de 4,50 € para o cóctel.

Os cócteles, menús e tapas participantes optaban a premios en cada unha das categorías, recoñecementos ao segundo e terceiro premio, que foron outorgados polos clientes dos establecementos que efectuaron as súas votacións a través da páxina web Puertas de Galicia e as redes sociais deste plan de competitividade (www.facebook.com/PuertasDeGalicia). O resultado da votación, na que participaron 271 persoas e se formalizaron 729 votos, outorgoulle o primeiro posto a Casa Manola -na categoría de tapa con  91 votos-, Restaurante Bruma -na de menú con 94 votos- e Bar Gandainas -na de cóctel con 57 votos-. Con todo, como segundo e terceiro clasificado en cada unha das categorías quedaron: Restaurante Brasil e Bar Gandainas -en tapas con 72 e 63 votos-, Casa Manola e Restaurante Brasil -na categoría de menús con 87 e 75 votos- e Aldea Rural A Cortiña e Pub Golf’s -na de cócteles con 18 e 14 votos-.

A I Olimpíada Gastronómica ‘Puertas de Galicia’ tivo como obxectivos revalorizar a gastronomía das dúas comarcas como un produto turístico en si mesmo e alongar a tempada turística na zona, baixo os principios de calidade no servizo, atención ao cliente, e aqueles atributos que nos deben diferenciar coma un destino de calidade cun alto valor gastronómico. A mesma estivo organizada pola Asociación de Empresarios da Comarca de Monterrei (AECOM) e a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Conso-Frieiras, xunto co PCT Puertas de Galicia auspiciado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo, a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e a Asociación de Municipios das Comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras.