A Escola Cooperativa Móbil visita Verín para divulgar a fórmula do cooperativismo Imprimir
Luns, 15 Outubro 2012 11:14

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais e coa colaboración dos concellos de Verín, Riós, Vilardevós e A Gudiña, achega a Verín a Escola Cooperativa Móbil, dentro da súa labor de fomento e promoción do cooperativismo.

Na Escola Cooperativa Móbil ofrecerase a información máis completa sobre o cooperativismo, orientación especializada da man de técnicos especializados e un programa de actividades moi atractivo, co obxectivo de situar nun primeiro plano o cooperativismo como unha opción laboral de futuro. A aula estará dotada dos medios tecnolóxicos e didácticos necesarios e mostrará aos mozos o cooperativismo como vía de acceso ao mercado laboral. Durante toda esta semana, a Escola Cooperativa Móbil estará situada no complexo deportivo de A Granxa (Verín) e, ademais de ser visitada por estudantes do IES García Barbón, poderán acercarse ata a mesma calquera emprendedor o grupo de emprendedores o mércores, de 10.30 a 18 horas, xoves e venres, de 16 a 18 horas.

Os obxectivos que se intentarán acadar na Aula Móbil son divulgar e fomentar o espírito emprendedor entre a xuventude; divulgar e fomentar o cooperativismo entre a xuventude; presentar o autoemprego en xeral e o cooperativo en particular como fórmula viable, desexable e aconsellable para acadar un traballo de calidade e satisfactorio; visibilizar as cooperativas como unha alternativa real ao desemprego; concienciar ás persoas participantes da importancia das habilidades sociais nun proxecto común; e formar ás persoas participantes na preparación dun proxecto cooperativo, mediante a titorización na elaboración dun plan de empresa, de xeito que conten coa capacitación necesaria para levar á práctica unha idea.

Tamén se contará con diferente material divulgativo de contido cooperativo que estarán incorporados á biblioteca da Aula Móbil co fin de facilitar o acceso e/ou préstamos ao persoal docente e alumnado dos centros educativos.

A Aula Móbil, que durante este curso se achegará a 25 centros de ensino nas catro provincias e aproximadamente 2.000 alumnos, tamén visitará Santiago de Compostela, Ferrol, A Pobra de Trives, Sarria, Lugo, Castro de Rei, Ribadeo, Xinzo de Limia, A Coruña, Culleredo, Oroso, Boimorto, Arzúa, Boiro, Pontevedra, Redondela, Ponteareas, Vigo e Ourense.