Partido entre o Club Ourense Baloncesto e C.B. Breogán en Verín Imprimir
Venres, 21 Setembro 2012 11:21

Mañá sábado, a partir das 19.30 horas, o complexo deportivo de A Granxa acollerá o partido amistoso entre o Club Ourense Baloncesto e o C.B. Breogán, dous dos representantes galegos na elite do baloncesto nacional.

A entrada para asistir a este partido é gratuíta. Con todo os/as asistentes poderán adquirir rifas, polo valor dun euro, para participar no sorteo de material deportivo do Club Ourense Baloncesto, cuxa recadación estará destinada ao Club Baloncesto Xuventude de Verín -dentro da campaña de colaboración do COB cos diferentes clubs de baloncesto da provincia-, e que será realizado durante o transcurso do partido.

Tamén durante a celebración deste enfrontamento deportivo, en concreto no descanso, entregaranse as medallas do 'Torneo de 3 x 3 de Minibasket da Vila de Verín', organizado pola área de Deportes do Concello de Verín, agrupación cultural e deportiva Siareiros Cobistas e Club Baloncesto Xuventude, que terá lugar durante a xornada de mañá.

Esta iniciativa, dirixida a menores con idades comprendidas entre 7 e 12 anos, ten como obxectivo fomentar o deporte e a vida saudable dentro do municipio. Para formar parte deste torneo, que comezará ás 9 horas coa lectura das normas oficiais do 3 x 3, non é necesario saber xogar ao baloncesto, xa que os organizadores buscan realizar dinámicas que aproximen aos/ás nenos/as de Verín á práctica de calquera deporte ou exercicio, así como achegar o baloncesto aos/ás menores co fin de formar parte dunha xornada  lúdico-deportiva.

Por outra banda, durante a xornada de mañá, o Club Ourense Baloncesto colocará unha caseta informativa destinada a amosar o seu proxecto deportivo e impulsar a súa campaña de captación de socios. En horario de mañá estará situada no Pavillón de Deportes de Verín (R/ Irmáns Moreno), lugar onde se celebrará o 'Torneo de 3 x 3 de Minibasket da Vila de Verín', e xa de tarde no complexo deportivo de A Granxa, no que se disputará o partido entre COB e C.B. Breogán.