As XXIX Xornadas do Folclore en Verín Imprimir
Martes, 14 Agosto 2012 13:04

A partir das 22.30 horas, a praza García Barbón de Verín acollerá mañá 15 de agosto a XXIX Xornadas do Folclore, no que estarán representadas América, Asia e Europa, a través das actuacións de Qhaswa (Perú), Sentires (Arxentina), Folk Dance Group T-TA Paramadina (Indonesia) e Folk Dance Ensemble Stanitsa (Rusia-Krais de Kransnodar).

As mesmas están organizadas pola Deputación Provincial de Ourense, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o Concello de Verín. A Asociación Cultural Qhaswa foi fundado en Lima no ano 2007. O nome deste grupo provén do quechua e significa festa e baile e o seu principal obxectivo é investigar, analizar, divulgar e promover as tradicións culturais do Perú a través da música e o baile folclórico. Qhaswa está composto por mozos bailaríns e músicos interesados na promoción do patrimonio cultural e a súa rica diversidade. O seu espectáculo está formado por coreografías creadas a partir do folclore peruano, mostrando un vestiario rico e vistoso creado artesanalmente. Cunha grande experiencia internacional, o grupo ten participado en festivais europeos de Francia, España, Italia, Suiza e Portugal.

A Compañía Arxentina de Danzas Sentires integra músicos e bailaríns de diferentes cidades e provincias para o desenvolvemento artístico-cultural, nacional e internacional. Este grupo foi declarado de interese cultural pola Municipalidade de Oncativo-Córdoba, pola Secretaría de Cultura da Provincia de Córdoba e polo Ministerio de Relacións Exteriores e Comercio Internacional. Ten representado a Arxentina en diferentes festivais internacionais en países como Italia, Francia, España, Portugal, Holanda, Bulgaria, Ecuador, Colombia, Polonia e Alemaña, obtendo importantes premios e recoñecementos por parte do público e de organizadores internacionais.

O grupo folclórico T-TA Paramadina creouse no ano 2009, e está composto por estudantes da Universidade de Paramadina na cidade de Jakarta en Indonesia. O seu obxectivo é proporcionar aos estudantes con interese e talento un marco onde aprender danzas folclóricas de Indonesia, ademais de danza contemporánea, xunto con cantos, música e instrumentos tradicionais do país subasiático, para manter viva e difundir a herdanza cultural dos seus ancestros. A pesar da xuventude do grupo, a súa experiencia xa é longa tanto no seu país como a nivel internacional. Ten recibido varios premios e representado a Indonesia en festivais de Polonia, Francia, España, Dubai e Portugal.

O conxunto Stanitsa foi creado no ano 1990 na cidade de Kuban, no Territorio de Krasnodar, aos pés das montañas do Cáucaso, a onde chegaron os cosacos descendentes de Zaporozhe no século XVIII, durante o reinado da Emperatriza Catarina. O grupo conta cun repertorio do folclore cosaco influenciado polas cultura dos diferentes territorios nos que se ten asentado este pobo amante da liberdade e independencia, territorios de Ucraína, de Rusia e dos países do norte do Cáucaso. Stanitsa ten unha organización de máis de 250 persoas con idades comprendidas entre os 7 e os 30 anos e ao longo da súa traxectoria artística ten participado en festivais da República Checa, Ucraína, Polonia, Turquía, Francia, Portugal e España, sendo esta a segunda ocasión que visita Ourense.

Por outra banda, tamén na xornada de mañá terá lugar a procesión e misa solemne en honra de Santa María A Maior, patroa de Verín, ás 11.30 horas. Na procesión participará a Banda de Gaitas do Concello de Verín e o Coral de Verín.