Maratón de Fútbol Praia na Eurocidade Imprimir
Mércores, 01 Agosto 2012 12:32

O evento deportivo “Chaves Beach Games 2012”, organizado polo Grupo Desportivo, Recreativo e Cultural dos Ases da Madalena (GDRCAM), tivo lugar o pasado fin de semana co 'III Torneo de Futvolei', que se realizou no campo de fútbol praia, situado na marxe esquerda do río Támega, xunto a ponte Barbosa Carmona.


Pero ademais do 'III Torneo de Futvolei' se incluirán outras modalidades deportivas como a 'V Maratón de Fútbol Praia', os días 3, 4 e 5 de agosto, e o 'II Torneo de Voleibol Praia', do 10 ao 12 de agosto. Con referencia os premios, este ano a organización introduciu a novidade dun premio para o equipo local que logre a mellor puntuación, co obxecto de incentivar a participación de equipos locais do territorio da Eurocidade.



A apertura oficial do Maratón terá lugar o día 3 de agosto, ás 22 horas, e se prolongará ata ás 19 horas do domingo, contado con música, actuacións de Débora Teixeira, Academia de Artes de Chaves, e animación con malabares de lume, deportes radicais ou sorteos. A entrada é libre en todas as actividades.  

Este evento conta coa colaboración da Junta de Freguesia da Madalena, Empreendimentos Hidroelétricos do Alto Tâmega e Barroso (EHATB), Município de Chaves, Eurocidade Chaves-Verín e Concello de Verín.

A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).