O Fondo Galego viaxa a Alemaña para achegar a súa experiencia no marco dun proxecto europeo |
Xoves, 03 Maio 2012 11:05 |
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa esta semana en Alemaña nunha xuntanza de traballo do proxecto europeo ‘Redes para o desenvolvemento’. A asociación de Concellos e Deputacións actúa como asesora nesta iniciativa cofinanciada pola UE para apoiar as redes de cooperación descentralizada en Alemaña e Portugal.
Coa referencia do Fondo Galego de Cooperación pero tendo en conta as súas propias especificidades, quince municipios portugueses atópanse xa implicados na futura Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento, que está elaborando os seus estatutos. En Alemaña, tamén no marco de ‘Redes para o desenvolvemento’, FINE+P está a promover a difusión de boas prácticas para acadar unha cooperación descentralizada máis eficiente. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. |