Concerto de Música Solidaria en Verín Imprimir
Venres, 27 Abril 2012 14:35

A casa consistorial de Verín acolleu esta mañá a presentación do Concerto de Música Solidaria, a cargo do rexedor Juan Manuel Jiménez Morán, Margarita Caneiro, representante de UNICEF en Ourense, Delfín Pérez Fernández, representante de Caja Rural en Verín, e José Manuel Salgado, director do Conservatorio Elemental de Música de Verín.

O Concerto de Música Solidaria a prol de UNICEF terá lugar mañá sábado, ás 16.30 horas, na Igrexa Parroquial de Verín. O mesmo organizado polo Conservatorio Elemental de Música de Verín., ten como obxectivo recadar fondos en favor da infancia máis vulnerable de todo o mundo, a través da adquisición dunha entrada para acceder a este concerto, cun prezo simbólico dun euro -que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquia ata ás 16.30 horas, e tamén foron vendidos polos/as alumnos/as do conservatorio-. “É unha proposta que se lle presenta á sociedades verinense coa finalidade de que gozando dun concerto poidan, ao mesmo tempo, colaborar no financiamento dunha institución como é UNICEF, que desenvolve programas a favor da infancia máis vulnerable de todo o mundo”, subliñou o rexedor verinense, Juan Manuel Jiménez Morán. Unha cuestión na que coincidiu a representante de UNICEF en Ourense, que recordou “que este tipo de iniciativa axúdanos a continuar co noso traballo a favor dos nenos en 190 países para cumprir os seus dereitos en materia de educación, saúde, nutrición e protección contra o maltrato; xa que con moi pouco acádase grandes cambios, cun euro pode comprarse 227 pastillas potabilizadoras coas que potabilizar 990 litros de auga, ou cun 1,20 euros pódese pagar o tratamento dun día para un neno con desnutrición infantil”.

Durante o concerto os/as músicos participantes interpretarán temas como Duetto, Andante festivo, Sonatina nº 1 Op. 151, I can't help falling in love, Pasodobre de Pastoriza, Pomp and circumstance, Lela, The Entertainer, Back Rag, Saxophone Jubilee ou Himno a la Alegría. Todos eles pertencentes a autores como Johan Sibelius , Joseph Küffner, Francisco de Asís Tárrega y Eixea, Antonio  Diabelli, Wolfgang Amadeus Mozart, Sir Edward Elgar, Juan Montes, Harm Ever, Les Reed & Barry Mason ou Rosendo Mato, entre outros. “En anteriores anos xa se realizaron concertos benéficos para outras entidades como Save the Children, no ano 2010 a favor de Costa de Marfil e ao ano seguinte por Haití na iniciativa 'Dar a nota pola solidariedade'”, recordou o director do Conservatorio Elemental de Música de Verín.