Festa dos Maios 2012 Imprimir
Venres, 27 Abril 2012 14:31

A praza da Alameda acollerá o vindeiro martes día 1 a Festa dos Maios. Como vén sendo costume en Verín nas últimas décadas, entre as 10.30 e as 14.30 horas, a zona axardinada da Alameda servirá de escenario ás actividades de xogos populares (chave e petanca), música e danza tradicional, exhibición de maios artísticos e venda de coplas.  

Este ano, en clave de ofrecer máis alicientes á participación dos máis pequenos, o Centro de Servizos  Socio-Comunitarios e unha caravana que aparcará nas inmediacións ofreceranlle aos nenos e ás nenas entre os 6 e os 12 anos a oportunidade de participar en diversas actividades sobre o mundo do audiovisual. Galego de Cine é un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos que -como o de Verín- están integrados na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Este programa compaxina actividades de comprensión dos filmes que impulsen aos cativos a expresárense en galego oralmente, coa construción dun conto ideado de principio a fin polos pequenos e cun vídeo-matón, espazo para plasmar oralmente nun set de gravación o conto inventado durante o desenvolvemento da actividade.

Está previsto que se exhiban na Alameda maios feitos con elementos naturais por o CEIP Amaro Refojo, o Colexio María Inmaculada, a Asociación Verinense de Amigos da Música – Coral de Verín, a Asociación Cultural Sons do Mestremiro e a Asociación Cultural A Carrada. E o diñeiro que se recade coa venda das coplas que se editan a cargo do Concello de Verín  (imprímense 1000 exemplares que se venden ao prezo de 1 euro), entregarase este ano a Caritas, por decisión da maioría dos grupos redactores.

Un ano máis, o posto do “pulpo”, que se instalará nos espazo limítrofe entre as  prazas García Barbón e Alameda, ofrecerá pan, viño e auga gratuitamente, ao estar subvencionados estes produtos polo Concello de Verín ou ser ofrecidos sen cargo ao Concello por colaboradores como Aguas de Cabreiroá.

No apartado de xogos populares, está previsto que se celebre o Trofeo de Chave Ricardo Soto, nas modalidades de infantís (5º e 6º de Primaria) e adultos, e o Trofeo de Petanca Festa dos Maios. Esta última competición está organizada en colaboración co Centro de Servizos Socio-Comunitarios. E no que á animación musical se refire, cóntase coas actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín. A agrupación musical municipal desfilará previamente polas avenidas de Portugal e Luis Espada, rúa Lisa e prazas Maior e García Barbón,  e ofrecerá un concerto na praza da Alameda. Tamén está previsto que actúen na Alameda grupos de nenos e de adultos da sección de Danza da Escola de Música e Danza TradiciOnal do Concello de Verín.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. Desde eses anos, “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta expresión de cultura tradicional. Con eles Verín seguiu cantándolle á primavera e facendo crítica dos acontecementos locais ou externos con rima de copla.

No primeiro quinquenio dos oitenta, con José Ramón González Sola “Fanfán” como concelleiro de festexos, a festa recibiu un impulso por parte da institución municipal, con actividades paralelas, aliciente gastronómico e subvencións á creación de maios e coplas (este ano entréganse 150 euros e 50 coplas sen cargo a cada grupo participante). Nesa liña de festa aberta á participación activa de asociacións e centros de ensino, adaptándoa as circunstancias, mantívose nas dúas últimas décadas.