Día Internacional do Libro Infantil e Convivencia de voluntarios da Biblioteca de Verín Imprimir
Xoves, 29 Marzo 2012 12:05

O vindeiro luns 2 de abril, a Biblioteca Pública Municipal de Verín, promove dúas actividades culturais e lúdicas con motivo do Día Internacional do Libro Infantil: colocación dun stand fronte ás instalacións da biblioteca, onde se colocarán os libros de literatura infantil-xuvenil (dependendo das condicións meteorolóxicas) e Xornada de Portas Abertas, co obxecto de ofertar a todos os/as interesados/as unha visita guiada e explicativa por estas instalacións municipais, na que tamén se amosarán os proxectos culturais e educativos realizados nos últimos anos.

Ademais, na xornada de mañá terá lugar unha actividade de contacontos e manualidades con motivo desta efeméride, reservada aos/ás nenos/as participantes na iniciativa lúdico-cultural 'Contos á carta', e na que concluirán o libro que comezaron a confeccionar na mesma. Esta iniciativa, extrapolada dunha realizada pola Biblioteca da Escola María Villalobos de Arteaga (municipalidade de Olivar – Chile) coa que comparte experiencia a Biblioteca de Verín, estaba asentada nunha, carta similar ás de restauración, conformada por Entremeses, Primeiro Prato, Segundo Prato e Sobremesa; e que permitiu aos/ás participantes percorrer as distintas estancias da biblioteca onde se atoparon os menús -que son contos e relatos infantís- preparados e listos para escoitar.

Mentres que o mércores 4 de abril, terá lugar unha convivencia dos rapaces/zas voluntarios/as da Biblioteca de Verín, con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos, que acompañados do persoal da instalación realizarán unha andaina ata Laza, e con posterioridade pasarán a noite no albergue desta localidade e visitarán as instalacións da BRIF de Laza.

Por outra banda, debido a número de peticións recibidas para o Concurso 'Debuxos para o cartel do Día do Libro' en Verín, amplíase o prazo de entrega ata o 11 de abril (antes das 12 horas, na oficina de Rexistro do Concello de Verín). Este concurso está destinado a nenos/as e mozos/as da comarca de Verín ou do municipio de Chaves, de infantil, primaria e secundaria; que só poden presentar un traballo máximo, con temática libre, pero no que se pide a aparición dun libro como protagonista.

Todos/as os/as usuarios/as poden informarse tanto na web da Biblioteca http://av.centromultimedia.net/microsite/verin/biblioteca/galego/index.htm, como no perfil da mesma en Facebook http://www.facebook.com/pages/Biblioteca-Publica-Municipal-de-Verin/104133986331021?=wall