Presentación do número especial 'Tranvía de Verín a Cabreiroá' Imprimir
Venres, 20 Xaneiro 2012 14:06

A Casa da Cultura de Verín acolle mañá sábado día 21, ás 18 horas, a presentación dun número especial, dedicado ao 'Tranvía de Verín ao Balneario de Cabreiroá', da revista Cadernos de Istoria e Arqueoloxía Ferroviaria.

No acto, organizado polo Concello de Verín en colaboración con Aguas de Cabreiroá e a  Asociación Carrileiros & Foula, os autores da investigación Francisco Boluda e Manuel Hernández farán un percorrido pola historia do singular tranvía de tracción animal que unía Verín co Balneario de Cabreiroá nas primeiras décadas do século XX.

Por medio da proxección de fotografías e planos orixinais e súa exposición oral, convidarannos a unha viaxe á memoria de Verín nos anos de apoxeo da actividade balnearia na nosa comarca. Os autores ofrécennos unha oportunidade para coñecermos a historia e características da liña, a súa infraestrutura, as dependencias para o mantemento do tranvía e do tiro, ou os distintos tipos de vehículos utilizados para o transporte de viaxeiros e mercadorías.