Verín difunde os Obxectivos do Milenio coa mostra do Fondo Galego de Cooperación Imprimir
Venres, 18 Novembro 2011 14:06

A Casa do Escudo do municipio ourensán de Verín acolle a partir do vindeiro luns, 21 de novembro, a exposición ‘Os Obxectivos do Milenio 2000-2015’. A mostra, organizada polo Concello de Verín en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, permanecerá aberta ata o 15 de decembro, e pode visitarse de luns a sábado, das 10 ás 14 e das 16.30 ás 20.30 horas.

Os paneis elaborados polo Fondo sintetizan as oito metas prioritarias que os estados membros da ONU fixaron hai unha década na Declaración do Milenio: erradicar a pobreza extrema e a fame, acadar a educación primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a sida e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e mais fomentar unha alianza global para o desenvolvemento. Os ODM son a principal folla de ruta do sistema de cooperación internacional, no que entidades locais coma o Concello de Verín se insiren a través do Fondo Galego.

A exposición pretende sensibilizar a sociedade fronte a cuestións como a pobreza, as desigualdades e a solidariedade, explicando cómo se pode construír un mundo máis xusto cumprindo os compromisos asinados na Declaración. O chamado Cumio do Milenio reafirmou no ano 2000 o carácter universal e intemporal dos propósitos e principios das Nacións Unidas, considerando como valores fundamentais do novo milenio a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto ao medio ambiente e a responsabilidade común.

O establecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que deberan acadarse en 2015, compromete aos países a adoptaren medidas e aplicar esforzos e recursos para conseguilos. Os líderes mundiais asumiron o compromiso de levar adiante políticas económicas e sociais que contribúan á redución da pobreza no mundo e, polo tanto, a un mellor desenvolvemento humano. Para logralo son urxentes os cambios que deteñan o incremento das desigualdades entre países pobres e países ricos.