'A ollada dun monxe budista' e 'A paz cuestión de fondo' no Outono Fotográfico Imprimir
Mércores, 26 Outubro 2011 12:26

O vindeiro sábado día 29 comezan en Verín as actividades do Outono Fotográfico. A Casa do Escudo abre ás 5 da tarde  dúas exposicións A ollada dun monxe budista A paz cuestión de fondo, e faino convidando a facer unha meditación sentada ás persoas que visiten as salas a primeira hora. As mostras clausuraranse o día 19 de novembro. As actividades do Outono Fotográfico en Verín continuarán entre os días 22 de novembro e 10 de decembro con dúas novas exposicións Unha mirada matemática e Os obxectivos do milenio.

A OLLADA DA DUN MONXE BUDISTA

Móstranos, a través de 18 imaxes a cor, a perspectiva que ten o autor de mosteiros budistas de India, España e de diferentes lugares do Indo-Tíbet. Algunhas fotos son da confección dunha alfombra de flores con símbolos Budistas feita na Festa do Corpus de Ponteareas por unha delegación tibetana. Tamén hai fotos de obras de arte budistas, como mandalas e divindades.
O autor
Martín García Pérez (Thupten Chophel) é monxe budista e fotógrafo, nado e residente en Vigo. Como  montañeiro e alpinista durante moitos anos, comezou na actividade fotográfica proxectando as imaxes súas no club de montañeiros ao que pertencía. No ano 1998 fai a súa primeira exposición de fotos en Corcubión. Logo continuarían máis de 40 mostras fotográficas por toda Galicia. No ano 2007, co traballo fotográfico “De parapléxico a construtor de violíns”, gaña o primeiro premio de fotografía de integración social organizado pola Caja de Ahorrros del Mediterráneo e a Fundación Alacalle.com.  Martín García imparte con regularidade cursiños de fotografía en Vigo.


A PAZ CUESTIÓN DE FONDO
Máis dunha trintena de  debuxos realizados por 28  humoristas gráficos e caricaturistas de 16 países, presentados sobre 16 láminas de 120x80 cm, a toda cor, compoñen esta mostra que divulga o  O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Entre os colaboradores galegos hai sinaturas tan contrastadas como as de Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Hortas ou Carlos Silvar.
En clave visual e, nalgúns casos verbal, as caricaturas e viñetas móstrannos os prexuízos que operan acerca da idea de paz, do racismo, das diferenzas sociais ou da guerra, servindo para repasar a realidade actual da pobreza como inxustiza social e violencia estrutural, e para un debate cargado de sátira e ironía .
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entende que o desenvolvemento sostible non é posible nun contexto de pobreza, violencia e racismo. A exposición quere contribuír a crear unha opinión favorable á unha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.