O conselleiro de Cultura recibe aos voluntarios da Biblioteca de Verín Imprimir
Martes, 25 Outubro 2011 12:32

Unha representación de dez voluntarios/as e os responsables da Biblioteca Pública Municipal de Verín, Aurora Prieto Tarrío e Vicente Rodríguez Justo, foron recibidos onte na Cidade da Cultura por Roberto Varela, conselleiro de Cultura, como recoñecemento a obtención do premio á 'Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011', concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.

Neste acto, organizado durante o Día Internacional das Bibliotecas, os voluntarios e responsable coñeceron da man do director xeral do Libro, Francisco López, a Biblioteca de Galicia, centro do conxunto das bibliotecas da comunidade galega; e recibiron un homenaxe público de Roberto Varela tanto pola súa labor de voluntariado como polo recoñecemento outorgado pola Federación de Gremios de Editores de España.

Un galardón entregado, na última edición da Feira Internacional do Libro de Madrid LIBER 2011, polo desenvolvemento desta iniciativa de voluntariado conformada por nenos/as, con idades comprendidas entre os 11 e 15 anos, que participaron en numerosas actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización da instalación, e dirixidas a nenos do municipio con idades entre os 3 e 8 anos. Actividades tan diversas como contacontos, Bibliopiscina, exposicións, presentacións de libros, BiblioRúa, concursos de narrativa, cursos de informática, encontros con escritores, videoconferencias, visitas guiadas para centros educativos, club de lectura ou as de Fomento de Lectura ou Voluntariado Cultural lograron que a Biblioteca de Verín recibise recoñecementos de distintas organizacións, como a Embaixada de Chile en España, Federación de Fútbol, Fundación Antena 3 e resultou, nos últimos tres anos, galardoada nos premios da Campaña de Animación á Lectura María Moliner. Ademais, recentemente foi nomeada como como Biblioteca Asociada pola UNESCO, asentándose no cumprimento de todos os principios de fomento da lectura, desenvolvemento da cultura, solidariedade-voluntariado e cooperación con distintas entidades.