Nova dirección do Servizo Municipal de Auga Imprimir
Luns, 19 Setembro 2011 13:37

A empresa Espina & Delfín, SL., concesionaria do servizo municipal de auga de Verín, trasladou a rúa Canella Cega nº 41 a súa Oficina de Atención ao Cidadán, situada con anterioridade na rúa Laureano Peláez,  e na que os/as veciños/as da localidade non só recibirán información deste servizo senón que tamén poderán efectuar as xestións administrativas pertinentes.

Os teléfonos de contacto do servizo de auga continúan sendo os mesmos: 988-683286 (Oficina, luns a venres de 9 a 13.30 horas) e 607-527755 (Urxencias).

Con todo, os/as verinenses tamén poderán realizar estas xestións a través da páxina web de Espina & Delfín, SL., www.espinaydelfin.com, onde se inclúen teléfonos de contacto, enderezo postal, localización sobre mapa e enderezo electrónico da oficina de Espina y Delfín en Verín. Ademais, permite acceder a toda a información referente a taxas e prezos, regulamentos, canon da Xunta de Galicia ou calquera outra lexislación aplicable no concello, consulta de trámites de altas, baixas, cambio de titularidade ou a documentación a aportar en cada caso para poder efectuar o trámite.

Por outra banda, esta web oferta aos/ás verinenses a posibilidade de realizar boa parte das xestións máis habituais nunha oficina desde a súa casa, evitando desprazamentos ou xestión a través do teléfono, a través da Oficina Virtual do Cidadán. Entre as xestións que se atopan na mesma están: lectura de contadores -mediante un breve formulario poderá enviar directamente a lectura do contador cando non se atope en casa no momento da visita dos inspectores-, cambio/notificación/domiciliación do pagamento -cambios nas domiciliacións bancarias para o pago dos seus recibos-, factura online -o servizo permite consultar e imprimir facturas electrónicas emitidas pola empresa, que inclúen unha sinatura dixital para garantir a autenticidade da súa orixe e a integridade do seu contido- e servizo de consulta de consumos -desde a oficina virtual poderá acceder aos consumos tanto medios como totais que se efectuaron no seu domicilio ou empresa, así como ao importe que este consumo supuxo-.