Xosé Neira Vilas inaugura a mostra ‘Querido Balbino: 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego’ |
Martes, 02 Agosto 2011 13:13 |
Na xornada do pasado xoves 28, o escritor galego Xosé Neira Vilas presidiu a inauguración da mostra 'Querido Balbino: 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego' na Biblioteca Pública Municipal.
A mesma rende homenaxe tanto a un escritor identificado coa terra como o libro Memorias dun neno labrego, o máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas (contabilízanse unha vintena de traducións). 'Querido Balbino' articúlase a partir de dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos transcendentes da súa biografía. E doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego, do que xa se imprimiron máis de 600.000 exemplares, e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino. Ademais, presenta tamén 10 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín. |