Reciclar envases terá premio en Verín Imprimir
Venres, 04 Marzo 2022 13:40

 Esta mañá, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, reuniuse na casa do concello cos responsables de varios supermercados da vila para expoñerlle o seu novo proxecto piloto de reciclaxe de envases. Consistirá na instalación de máquinas de recollida selectiva que ofrecerán un incentivo ecolóxico a cambio da reciclaxe de latas e envases de plástico e vidro.


O principal obxectivo desta iniciativa será incrementar as taxas de reciclaxe coa finalidade de diminuír o impacto medio ambiental e económico que supón o lixo por bolsa negra. «Estamos a falar de que, con esta medida, poderiamos reducir ao redor dun 20 por cento o lixo sen reciclar (unhas 1000 toneladas ao ano) que se entrega a Sogama, logrando un importante aforro económico, así como un gran beneficio para o medio ambiente», concretou Gerardo Seoane.

O funcionamento deste sistema será moi sinxelo. O usuario depositará os seus envases nos sistemas de recollida e recompensa, obtendo, segundo o número de elementos que recicle, boletos de participación para un sorteo semanal de 300 euros en metálico.

«Tras a boa acollida da iniciativa obtida hoxe na reunión con representantes das diferentes empresas de distribución alimentaria -así como a súa disposición para colaborar- estudaremos a natureza final deste incentivo ecolóxico que se consultará coas autoridades da Sociedade Estatal de Loterías do Estado para establecer o seu formato final», explicou Seoane.