| Verín acolle a VI Gala da Igualdade do CMUS no Auditorio Municipal de Verín |
|
|
|
| Venres, 28 Novembro 2025 20:51 |
|
O vindeiro martes 2 de decembro, ás 20:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá unha nova edición da Gala da Igualdade, un evento que une cultura, compromiso e talento local para poñer en valor os principios de xustiza, igualdade, inclusión e non discriminación. A gala, organizada polo Conservatorio Profesional de Música de Verín (CMUS), a súa ANPA e o Concello de Verín, estará dedicada a Santa Icía, patroa da música e das persoas músicas. Esta edición incorpora un programa diverso, no que a música e a creación local terán un papel protagonista. O alumnado do CMUS abrirá a gala coa actuación “O meu primeiro concerto”, unha mostra do talento emerxente das novas xeracións de músicos e músicas da vila. Un dos momentos centrais da velada será a inauguración da nova aula “Homenaxe a quen loita pola igualdade”, un espazo simbólico que recoñece o traballo continuo de persoas e colectivos comprometidos coa defensa dos dereitos, a inclusión e a igualdade real. A nivel artístico e musical, o público poderá gozar das actuacións de KUARTETAS, así como do Grupo da Banda de Gaitas Nova Era. Como é habitual, a gala pechará cun momento de convivencia entre o público e os participantes: unha chocolatada final, pensada para compartir e celebrar en comunidade os valores que inspiran este encontro anual. A entrada será gratuíta ata completar aforo. Dende o Concello de Verín convidamos á veciñanza a sumarse e desfrutar dunha celebración que reivindica, a través da arte, unha sociedade máis xusta e igualitaria.
|