| O ritmo da batucada toma as rúas de Verín un ano máis |
|
|
|
| Domingo, 20 Xullo 2025 17:47 |
|
A vila de Verín ultíma os preparativos para unha nova edición da súa xa consolidada Festa da Batucada, que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xullo, cun completo programa dirixido a públicos de todas as idades e que aposta por unha oferta cultural, musical e lúdica diversa, participativa e ao aire libre. O programa arrincará o xoves 24 de xullo cun dos eventos máis esperados polos máis pequenos: o Desfile Infantil da Batucada, que comezará ás 11:00 horas cunha temática centrada no universo Disney. Máis de 350 nenos e nenas procedentes da ludoteca e campamento urbano municipal, das escolas deportivas, do CDR Portas Abertas e da Ludoteca de Cualedro participarán neste percorrido que sairá do CEIP Amaro Refojo, pasará pola Praza do Concello e rematará na Praza García Barbón. A festa continuará posteriormente na ludoteca situada no propio centro educativo. O venres 25, a programación terá continuidade cunha festa infantil na praia fluvial do Támega, entre as 16:30 e as 19:00 horas, que incluirá inchables e animación musical. Xa pola noite, a Praza García Barbón converterase no epicentro da actividade musical, cunha sesión continua de DJ sets a cargo de, DJ Bacardit, Jennifer Cach, Señora DJ e Andria, desde as 23:00 ata as 03:00 horas. A xornada do sábado 26 ofrecerá un dobre plan de lecer. En primeiro lugar, terá lugar a tradicional Festa da Escuma e da Auga, entre as 17:00 e as 19:00 horas, tamén na Praza García Barbón, acompañada pola música de A Gramola Friends. Como en edicións anteriores, habilitaranse dúas zonas diferenciadas para garantir a seguridade e o disfrute de persoas adultas e crianzas. O prato forte da xornada será o Desfile da Batucada, que comezará ás 19:00 horas e percorrerá as principais rúas do centro urbano: Praza García Barbón, Rúa da Cruz, Praza da Mercé, Rúa Laureano Peláez e Rúa Irmáns Moreno, onde se celebrará a tradicional batalla de batucadas. Nesta edición participarán as formacións Queimatasas (Poio) e Bloco Trifulka (Xinzo de Limia). O evento pecharase cunha nova sesión musical na Praza García Barbón, a partir das 23:00 horas, cos DJs Groove Amigos, Marcos Gramola e Dmiron que amenizarán a noite ata ben entrada a madrugada. |