Presentación do libro "Entroido" de Rober Cagiao |
Martes, 11 Xuño 2024 13:20 |
O vindeiro xoves 13 de xuño, ás 19:30h, terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura a presentación do último libro de Rober Cagiao, titulado "Entroido", publicado pola editorial Knowmadas Books. Sinopse: O asasino do martelo sembraba o pánico en Galicia a comezos do século XXI. Dúas décadas máis tarde, a filla da súa derradeira vítima, a inspectora Lola Xallas, é a encargada de investigar o asasinato do empresario catalán Tony Torres en Barcelona. Alí coñecerá a Olvido, xornalista e principal sospeitosa, e comezará unha carreira na que o pasado retornará enmascarado entre traizóns, mentiras e unha caza mortal. Co son do chifre, arrancará o Entroido e os peores pesadelos voltarán para enfrentala á verdade. Sobre o autor: Rober Cagiao (Bañobre, 1976) sempre sentiu unha gran paixón polas letras. De rapaz, dedicouse á música, chegando a publicar dous discos co grupo de heavy metal Trashnos. Tras quince anos de loita e deixar a música, afastouse do mundo da creación. En 2019, tras un accidente que o deixou postrado durante meses, volveu a escribir e publicou "El Guardián de las Flores", o seu primeiro libro, que xa conta con máis de 60 mil copias vendidas. Este éxito cambiou a súa vida, permitíndolle dedicarse exclusivamente á escritura. "Entroido" é o seu 14º libro e o primeiro fora da Saga do Guardián. Ademais, é o primeiro escrito en galego, a pesar de estar editado cunha editorial de Murcia. Rober Cagiao espera que esta nova obra sexa do agrado de todos os seus lectores. |